miércoles, 24 de noviembre de 2021

Horta de Novembro

Onte todo o cole volveu sair á nosa horta para comezar a plantar especies de inverno. Pensaredes que imos un pouco adiantados, pero ainda que todavía estamos en outono o frío xa está chegando e precisamos plantas que aguanten temperaturas máis baixas.

Por este motivo os cativos de infantil e 1º e 2º, colleron parte do compost que tiñamos no composteiro para peneiralo e poder fertilizar a terra onde posteriormente plantaron tulipáns, iris e transplantaron unhas poucas fresas que quedaran do mes pasado.

Pola súa banda, os grupos de 3º a 6º de primaria estiveron a comprobar o pH da terra do horto coa escala do pH da lombarda antes de sementar. Así puideron observar os diferentes tipos de pH dende os máis ácidos aos máis básicos con: vinagre, Coca-Cola, terra, lixivia de cinza e lixivia común.

Podedes premer na foto para ver todas as fotos desta actividade do Proxecto de Voz Natura. 📸



viernes, 19 de noviembre de 2021

Saída monte Vixiador

Dende o outono pasado tivemos en acollida sete árbores autóctonas. Cada clase ocupouse dos coidados da súa árbore ata que este curso xa estiveron listas para a súa plantación no noso monte.

Por este motivo, esta semana (coincidindo co día internacional do patrimonio mundial) e en relación co Proxecto de Voz Natura no que participa o centro, fumos ao monte Vixiador a plantar as nosas árbores autóctonas.

Para poder levar a cabo esta actividade contamos coa colaboración da Comunidade de Montes de Candeán que nos facilitou as árbores e preparou o terreo para a plantación. Aos que dende aquí damos as grazas e agardamos seguir colaborando en futuros proxectos medioambientais.

Chegado o día da plantación, comezamos cun roteito de recoñecemento de árbores polo parque forestal. Buscamos as árbores máis significativas, identificamos as súas follas… e en definitiva investigamos na natureza.

Previamente, no cole, cada aula identificou a súa árbore e preparou unha pequena presentación coa que homenaxeala no momento da plantación. Ademais, para que todos os que pasen por alí saiban que árbores son as que temos plantadas, o noso conserxe Cibrán preparou uns letreiros identificativos en madeira co nome de cada árbore e o curso que se encargou de plantala. Polo que tamén temos que agradecerlle a Cibrán a súa colaboración.

Xa vedes que todos colaboramos nesta actividade. E iso é precisamente o que queremos que fagades vos, indo de cando en cando a visitar as nosas árbores, coidar que teñan o espazo limpo… Para que de aquí a moitos anos teñamos unhas árbores fermosas e fortes.

Se queredes ver a galería completa podedes premer na foto:



martes, 16 de noviembre de 2021

Visita ao zoo

O pasado venres 5 de novembro os grupos de 1º e 2º de primaria foron de visita ao zoo, onde traballaron a educación ambiental a través de distintas actividades lúdico-educativas. Tan ben o pasaron que o tempo se lles pasou voando!

Puideron ver todos os animais que hai no zoo e coñecer a historia que hai detrás de cada un deles.

Ademais, tiveron a gran sorte de participar en actividades que se deixaron de realizar por mor da pandemia e que xa é posible volver a facer como subir á casa da árbore, ver os esqueletes dos animais e facer outros xogos propostos polo guía.

Pero mellor que contalo é poder miralo, así que premendo nesta imaxe podedes acceder á galería completa:


Aproveitamos para dar as grazas aos guías que nos acompañaron nestas actividades polo seu trato, amabilidade e a paixón que nos transmitiron no coidado dos animais e a natureza.

viernes, 12 de noviembre de 2021

Magosto

Esta semana celebramos o magosto no cole e que ben o pasamos!

Ao rematar o recreo xuntámonos todos no patio para bailar o rap do magosto e despois puxémonos as botas comendo as castañas asadas e o "choripán".

Pero non pensedes que a cousa quedou aquí, pois rematamos a xornada con xogos no patio onde cada grupo foi pasando por diferentes estacións con xogos como o lanzamento de castaña, o tres en raia á carreira...

Se queredes ver o moitísimo que disfrutamos, podedes acceder á galería de imaxes premendo nesta foto: