miércoles, 27 de abril de 2022

Obradoiro de rega con auga da chuvia

Esta semana os grupos de 4º, 5º e 6º de primaria estiveron a preparar un sistema para recoller a auga da chuvia e así poder empregala para a rega da nosa horta.

Tiveron que tomar medidas, colocar e por último probar o sistema.

De seguro que lle sacamos moito proveito!

Mirade como o fixeron:



S.O.S. A Terra

Este luns e martes, todo o cole participou nos obradoiros de S.O.S. A Terra cos chicos de "Ciencia en movemento".

Dividimos as actividades en dous días, o primeiro día participaron os compañeiros de 3º a 6º de primaria e o segundo día tocoulle o turno a infantil e 1º e 2º de primaria.

Partindo da temática do coidado da natureza falamos da contaminación que esta sofre. Descubrimos diferentes aparellos que favorecen o aproveitamento das enerxías renovables como o muiño de auga ou de vento, placas solares... Tamén observamos como se movía un coche coa enerxía de biomasa procedente da queima de alcohol.

Aproveitamos tamén para facer algúns experimentos como o de abrir flores en auga, facer "voar" unha pelotiña co secador do pelo, ver como cambia de cor unha taza con auga quente, ou ver como unhas "pastillas" ao metelas en auga convertíanse en animaliños de espuma. 

Os maiores pola súa parte quentaron un globo baleiro cun chisqueiro e explotou e comprobaron que outro cheo de auga non explota, descubrindo así como a auga fai de reguladora da temperatura. Descubriron que o fume baixa en lugar de ascender. Fixeron xogos de reciclaxe clasificando os residuos no seu punto correspondente (punto limpo, SIGRE...)...

A verdade é que quedamos abraiados con algúns destes experimentos!

Se queredes ver todo o que fixemos, clicade na foto:



jueves, 21 de abril de 2022

Visita Museo do Mar

Hoxe os grupos de infantil, 1º e 2º fumos de visita ao Museo do Mar.

A través do xogo descubrimos a problemática dos refugallos no mar e aprendimos que reciclando podemos axudar á fauna mariña para evitar ou minimizar os plásticos que chegan ao mar.

Tamén puidemos facer unha visita ao acuario que teñen, onde atopamos moitas especies mariñas. Os que máis nos chamaron a atención foron a raia, o rodaballo e... a quenlla!

Mirade aquí todo o que fixemos:



miércoles, 20 de abril de 2022

Horta de Abril

Onte tivemos visita á horta despois das vacacións de Semana Santa e a verdade é que todo crecera un montón.

Os grupos de infantil limparon un pouquiño o bancal, colleitaron as espinacas e plantaron patacas e pipas de xirasol.

En 1º e 2º plantaron pemento morrón, pementos de padrón e pementos italianos no invernadoiro e tamén limparon as herbas.

O grupo de 3º plantou diferentes especies de tomate e pemento no invernadoiro. E en 4º plantaron cherry e tagetes no bancal de fora.

En 5º e 6º plantaron calabacín e remolacha, regaron o invernadoiro e construiron un armazón con cordas para que os cultivos poidan suxeitarse.

Ademais todos plantamos flores.

Se queredes ver todas as fotos do que fixemos dentro do proxecto de Voz Natura, podedes clicar nesta foto:



viernes, 8 de abril de 2022

We're going on an Egg Hunt!

Esta semana os máis cativos do cole andiveron na procura dos ovos de chocolate que Easter Bunny agochou polos patios.

Iso si, antes de dar boa conta deles, tiveron que levar a cabo todos os retos que nos deixou.

Podede ver aquí todas as fotos da busca: 



jueves, 7 de abril de 2022

Visita Apípolis

Onte todo o cole participou nunha xornada de convivencia en Apípolis e non puidemos pasalo mellor. Foi unha experiencia moi divertida á vez que educativa.

Nada máis chegar fixemos grupos e repartímonos nos obradoiros polos que fumos rotando:

- Museo informativo sobre a vida das abellas.

- Obradoiro de elaboración de mel e candeas.

- Visita ao apiario (preparados con nosos traxes de apicultores).

- Obradoiro de galletas con mel.

Despois destas actividades, chegou a momento da comida para repoñer forzas e finalmente unha horiña de xogos para poñer rumbo de volta ao cole. Traxecto no que máis de un quedou durmido, certificando o ben que o pasamos e o moito que aproveitamos o tempo.

Foi un día moi intenso pero que repetiríamos sen dubidar!

Se queredes ver fotos de todo o que fixemos, clicade aquí:



sábado, 2 de abril de 2022

Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo

Hoxe, 2 de abril, conmemoramos o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo.

Por este motivo, esta semana no cole traballamos co alumnado para achegalo a este realidade e poder empatizar e comprender ás situacións polas que moitas persoas con autismo pasan no seu día a día.

Fixémolo a través do conto "TEA" de Alejandra González. Así puidemos poñernos na pel de TEA, unha nena que ve o mundo dun xeito especial.

Fixemos unhas lentes de cor vermella ou azul e puidemos ver como a mesma ilustración cambiaba cando a observávamos coas lentes vermellas ou coas lentes azuis que representaban a visión da nosa amiga TEA.

Tamén pensamos cousas que podemos facer nós para axudar e acompañar ás persoas con autismo: preguntarlles se queren xogar, falarlles claro, achegarnos cando están soas...

Foi un día moi interesante!

Se queredes ver fotos das actividades, clicade nesta foto:



viernes, 1 de abril de 2022

Visita ao zoo infantil

Hoxe os nenos e nenas de infantil fumos de visita ao zoo de Vigo.

Puidemos ver tartarugas, águias, linces, un oso, lemures, cebras, unha avestruz, a pantera... Quedamos con pena de non conseguir ver a leona, teremos que volver noutra ocasión.

O que máis nos gustou foi saber que todos os animais que hai no zoo están en cautividade porque non poden vivir en liberdade por diversos motivos (foron rescatados, ou teñen problemas de saúde que non lles permiten valerse por si mesmos). Ainda así cando crían, teñen un programa de reincorporación á natureza das crías. Pois xa sabemos que a vida en liberdade sempre é a mellor opción.

Despois da visita tomamos a merenda nas casiñas que teñen na entrada e puidemos xogar no parque ant4es de que chegara o bus. 

Foi un día redondo!

Se queredes ver as fotos do ben que o pasamos e os animais que puidemos observar, clicade na seguinte foto: