martes, 17 de mayo de 2022

OBRADOIRO CIENTÍFICO OS VENRES POLA TARDE

 O noso centro continúa a súa andadura nos contratos programas ofertados pola Xunta e neste curso decidimos ir un paso máis alá iniciándonos no contrato-programa Eduexcelencia, que a través de distintos obradoiros científicos un grupo de alumnas e alumnos gozan de diferentes actividades para mellorar os seus coñecementos no ámbito científico, aproveitando a motivación e creatividade innata do alumnado.


                                                          Se queredes ver máis clicade na foto

jueves, 5 de mayo de 2022

Obra de teatro "Saaabor!"

Onte, tivemos a sorte de desfrutar do espectáculo "Saaabor!" grazas á ANPA que subvencionou esta actividade que a Afundación representou no noso cole, .

Foi un espectáculo cómico con maxia, música e humor no que falamos da alimentación saudable con Félix Rodríguez e Fran Rei, dous chefs que nos acompañaron ao longo de toda a función facéndonos rir a esgalla. Entremezclado coa música, os chefs prepararon un caldo, unhas verduras que catou o profe Alberto e mesmo unha tortilla francesa que a nosa compañeira Naira puido degustar para dar o seu "like".

Pasámolo en grande!

Se queredes ver máis fotos desta actividade, clicade na foto:



miércoles, 4 de mayo de 2022

Obradoiro de cociña solar

 Hoxe os grupos de infantil, 1º e 2º participamos nun obradoiro no que fixemos unha cociña solar.

A partir dunha caixa de zapatos, cortamos unha "ventaniña" na tapa para que puidera entrar o sol, cubrimos as paredes con papel aluminio e puxemos no fondo unha cartolina negra que absorve máis os raios do sol e fai que se quente máis.

Despois de crear a nosa cociña solar, puxemos dentro diferentes productos para comprobar se se cociñaban.

Os que puxeron ovos (de galiña e de codorniz) non tiveron tempo suficiente para comprobar que se coceran un pouquiño, pero os grupos que puxeron unha porción de queixo, puideron ver como as esquinas comezaban a derreterse e estaba un pouco máis brandiño.

Mirade aquí como foi o noso obradoiro:



miércoles, 27 de abril de 2022

Obradoiro de rega con auga da chuvia

Esta semana os grupos de 4º, 5º e 6º de primaria estiveron a preparar un sistema para recoller a auga da chuvia e así poder empregala para a rega da nosa horta.

Tiveron que tomar medidas, colocar e por último probar o sistema.

De seguro que lle sacamos moito proveito!

Mirade como o fixeron:



S.O.S. A Terra

Este luns e martes, todo o cole participou nos obradoiros de S.O.S. A Terra cos chicos de "Ciencia en movemento".

Dividimos as actividades en dous días, o primeiro día participaron os compañeiros de 3º a 6º de primaria e o segundo día tocoulle o turno a infantil e 1º e 2º de primaria.

Partindo da temática do coidado da natureza falamos da contaminación que esta sofre. Descubrimos diferentes aparellos que favorecen o aproveitamento das enerxías renovables como o muiño de auga ou de vento, placas solares... Tamén observamos como se movía un coche coa enerxía de biomasa procedente da queima de alcohol.

Aproveitamos tamén para facer algúns experimentos como o de abrir flores en auga, facer "voar" unha pelotiña co secador do pelo, ver como cambia de cor unha taza con auga quente, ou ver como unhas "pastillas" ao metelas en auga convertíanse en animaliños de espuma. 

Os maiores pola súa parte quentaron un globo baleiro cun chisqueiro e explotou e comprobaron que outro cheo de auga non explota, descubrindo así como a auga fai de reguladora da temperatura. Descubriron que o fume baixa en lugar de ascender. Fixeron xogos de reciclaxe clasificando os residuos no seu punto correspondente (punto limpo, SIGRE...)...

A verdade é que quedamos abraiados con algúns destes experimentos!

Se queredes ver todo o que fixemos, clicade na foto:



jueves, 21 de abril de 2022

Visita Museo do Mar

Hoxe os grupos de infantil, 1º e 2º fumos de visita ao Museo do Mar.

A través do xogo descubrimos a problemática dos refugallos no mar e aprendimos que reciclando podemos axudar á fauna mariña para evitar ou minimizar os plásticos que chegan ao mar.

Tamén puidemos facer unha visita ao acuario que teñen, onde atopamos moitas especies mariñas. Os que máis nos chamaron a atención foron a raia, o rodaballo e... a quenlla!

Mirade aquí todo o que fixemos:



miércoles, 20 de abril de 2022

Horta de Abril

Onte tivemos visita á horta despois das vacacións de Semana Santa e a verdade é que todo crecera un montón.

Os grupos de infantil limparon un pouquiño o bancal, colleitaron as espinacas e plantaron patacas e pipas de xirasol.

En 1º e 2º plantaron pemento morrón, pementos de padrón e pementos italianos no invernadoiro e tamén limparon as herbas.

O grupo de 3º plantou diferentes especies de tomate e pemento no invernadoiro. E en 4º plantaron cherry e tagetes no bancal de fora.

En 5º e 6º plantaron calabacín e remolacha, regaron o invernadoiro e construiron un armazón con cordas para que os cultivos poidan suxeitarse.

Ademais todos plantamos flores.

Se queredes ver todas as fotos do que fixemos dentro do proxecto de Voz Natura, podedes clicar nesta foto: